25/1/13

TRASLADÁMONOS

TRASLADÁMONOS.


Espazo Lectura inugura a súa nova web.


A partir de agora estamos aquí.


Espazo Lectura celebra os 5 anos de vida da asociación cunha web que reafirma a súa identidade dixital


Espazo Lectura celebra os 5 anos de vida da asociación cunha web que reafirma a súa identidade dixital. Aínda que primeras actividades da asociación se remontan a 2006, a acta fundacional de Espazo Lectura é do 26 de xaneiro de 2008. Espazo Lectura celebra este quinto aniversario con dúas accións: a primeira, a renovación da súa identidade dixital, un feito que reafirma unha liña de traballo sensibilizada cunha sociedade lectora cada vez máis dixitalizada e con grandes potencialidades de futuro; a segunda, un Asalto Poético que se levará a cabo na mañá do sábado pola rúas de Gondomar, con grupos de voluntarios e voluntarias que «asaltarán» as persoas para lerlles poemas pola rúa.
A renovación da identidade dixital de Espazo Lectura, que integra na súa nova web todas os usos que realiza a asociación das redes sociais, así como as súas publicacións, vídeos, imaxes, arquivos, calendarios e eventos, supón un enorme paso adiante para a difusión do proxecto de fomento da lectura que levamos a cabo, para a comunicación cos socios e socias e as persoas participantes nas nosas actividades, así como para a reafirmación da nosa vocación de interpretar a lectura dentro dun tempo cambiante, áxil e tecnoloxizado no que a lectura se fai, indubidablemente, cada vez máis imprescindible nunha sociedade crecementemente dixital.
A renovación da identidade dixital de Espazo Lectura estivo capitaneada polo equipo de profesionais de Pumpún Dixital,  e moi especilamente por Chiu Longuina e Berio Molina, aos que desde Espazo Lectura queremos agradecerlles publicamente o interese que mostraron polo noso proxecto, así como a eficacia do seu asesoramento, e o excelente resultado  final, que é esta web multiplataforma (preparada para ler nun ordenador ou en calquera tipo de dispositivo móbil), áxil, flexible, intuitiva, dinámica e acorde coas necesidades e os retos que o futuro nos impón.
A nova web de Espazo Lectura foi deseñada con ferramentas de última xeración, en estándares como XHTML, HTML5 e CSS3, optimizada para navegadores de última xeración, a partir de construción semántica orientada a SEO e accesibilidade e usabilidade web seguindo os estándares W3C, pensada par interactuar co usuario/a, con sistemas de socialización de contidos e deseño elástico da web, preparado para accesos desde ordenadores desktop con pantallas grandes ou pequenas, tablets (IPad ou Android), en formato retrato ou apaisado e teléfonos smartphones de pantalla universal e de alta resolución, empregando tencoloxía Bootstrap.
Xa que logo, abandonamos o vello blog de Espazo Lectura, que cumpriu o seu cometido ao longo destes anos, pero que non estaba preparado para responder ás novas demandas e necesidades dos usuarios e usuarias nin da asociación. Previo ao blog de Espazo Lectura xa existira o blog do Contomar, aberto en outubro de 2007.
A nova web presenta unha xerarquización rápida e efectiva da información, con apartados de información estable sobre todas as nosas actividades e abundante material gráfico; con datos sobre a organización interna e os órganos de goberno; cun espazo moi visible para os socios protectores, que son fundamentais para a supervivencia de Espazo Lectura; cunha sección sobre a Casa da Lectura que, ademais dun centro de dinamización lectora, é a nosa sede; cunha sección para a campaña Gondomar, Lendo para medrar; e cunha importante Axenda de Eventos que proporciona todos os datos precisos para acudira ás actividades, incluída a xeolocalización e datos de contacto.
Ademais, o novo sitio ofrece información actualizada en Portada, así como espazos específicos para os nosos Clubs de Lectura, para a Casa da Lectura, para o Contomar e outras actividades máis recentes como Contos en cueiros ou o Comando Le. Ademais. A web integra a nosa presenza nas redes sociais (FacebookTwitterScribdYoutubePicasa e Feeds de suscrición), abre a canle de Espazo Lectura TV, unha sección de Publicacións (que recolle o noso libro Os ollos do Contomar), unha sección de Recomendamos, e unha sección de Contacto, entre outras novidades.
A web, que lle outorga moita importancia á imaxe gráfica, permite a suscrición automática á información de Espazo Lectura a través dun boletín periódico, así como a posibilidade de facese socio ou socia a través de internet.
Ademais da apertura da nova web e da acción lectora denominada Asalto poético, esta sábado Espazo Lectura celebra senllas actividades do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo e do Comando Le. Nunha data tan significada, Espazo Lectura quere mostrar o seu agradecemento público a todas as persoas e entidades que nos acompañaron e apoiaron ao longo destes cinco anos de intensa vida.

Asalto poético polas rúas de Gondomar


Espazo Lectura celebra o seu 5º aniversario este sábado 26 cunha nova acción lectora: un "asalto poético" polas rúas de Gondomar.
Este sábado 26 de xaneiro cúmprense 5 anos da constitución da asociación Espazo Lectura, que quere celebralo cunha acción lectora coa que visibilizar o seu traballo a prol da lectura e convidar os gondomareños e gondomareñas a achegarse á poesía. Entre as 10:30h e as 12:00h do sábado 26 sairán polas rúas, establecementos comerciais e espazos públicos de Gondomar grupos de voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura que "asaltarán" as persoas coas que se atopen para lerlles un poema e compartir así con eles o espírito de sociedade lectora que Espazo Lectura quere fomentar desde a súa campaña Gondomar, lendo para medrar. Ademais, para celebrar este 5º aniversario, Espazo Lectura inaugurara esta semana un novo sitio web, máis atractivo e moderno, para difundir as súas actividades e conectar dun xeito máis doado coa sociedade.

5 anos de fomento da lectura
Aínda que as primeiras actividades se remontan a febreiro de 2006, Espazo Lectura constituíuse formalmente o 26 de xaneiro de 2008 co obxectivo de desenvolver un programa de actividades de fomento da lectura que chegase a toda a sociedade e que constituíse unha oferta atractiva de actividades de lecer vencelladas ao libro e a lectura. Cinco anos despois, Espazo Lectura conseguiu consolidar en Gondomar un proxecto que inclúe máis de 100 actividades ao ano cunha ampla asistencia de público, baseado nas actividades estables, que son as que crean hábitos lectores. O programa ofrece dúas actividades semanais (o Contomar, todos os luns na Biblioteca Municipal, e as sesións de dinamización lectora, que se celebran todos os mércores na Casa da Lectura), catro actividades mensuais (o club de lectura Sete vidas, o club Lecturas debuxadas, o club de lectura compartida Lendo contigo e o Comando Le) e numerosas actividades de carácter anual ou sen periodicidade fixa que complementan o proxecto (Contos en cueiros, Noite na Biblioteca, Dar de ler coma quen dá de beber, Noites golfas, A fogueira dos versos, etc.).

24/1/13

Literatura e cine na próxima sesión do Comado Le


O sábado 26 de xaneiro, o Comando Le celebrará unha nova sesión dentro das actividades que este trimestre están a desenvolver baixo o título Mundos fantásticos. Logo de asistirmos xuntos a ver a película El hobbit: un viaje inesperado e de ler O hobbit, a novela de Tolkien na que se basea a película, a sesión do día 26 vainos permitir comparar a novela coa película e conversar sobre o traballo de adaptación realizado. Aproveitaremos tamén para falar dos dereitos de autor e da propiedade intelectual, así como da importancia que isto ten na difusión, reprodución, adaptación ou tradución de obras de creación artística.

Logo de que nesta primeira parte do trimestre as sesións do Comando Le xirasen arredor de literatura e cine tomando como base a novela O hobbit, de Tolkien, no mes de febreiro leremos a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e a adaptación ao cómic que desta obra realizou Antonio Seijas.

O sábado 26, nova cita do Lendo Contigo


O club de lectura compartida Lendo Contigo ten a súa cita do mes de xaneiro o sábado 26 a partir das 12:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Nesta ocasión, os libros recomendados foron Ota quere voar e Viaxe de ida e volta, da autora Ánxela Loureiro, que estará na sesión para falar cos nenos e nenas que decidan participar na actividade.

No mes de decembro, celebramos os cinco anos do Lendo Contigo xunto cos escritores Fina Casalderrey e Francisco Castro. Nesta galería de imaxes pódese ver un resumo do que aconteceu ese día.

23/1/13

Este venres, ás 17:30h, Contos en Cueiros


Este venres, 25 de xaneiro, a partir das 17:30 horas, Espazo Lectura organiza o encontro de Contos en Cueiros previsto para o sábado 19 e aprazado por mor das previsións meteorolóxicas. O lugar da cita é a Casa da Lectura.
Esta será a primeira sesión da actividade conducida polo voluntariado de Espazo Lectura. Nela, contaremos contos e cantaremos cancións cos bebés de 0 a 3 anos e cos seus papás e mamás.
Como o espazo da Casa da Lectura é relativamente pequeno, aconsellamos que se deixen os carriños no coche e que se traian os bebés no colo ou da man.

Recordamos como chegar á Casa da Lectura:

Na procura das illas do tesouro na Casa da Lectura



Este mércores, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, adentrarémonos nas illas Cíes e na Illa de Ons. Logo de coñecer un pouco estes hábitats, converterémonos en exploradores na busca dun tesouro. A aventura comezará ás 18:30 horas, mais unha hora antes xa se pode ir á Casa da Lectura para consultar o fondo ou para préstamo de libros.

Estas son algunhas imaxes tiradas na sesión do mércores pasado, dedicada a Eric Carle.

21/1/13

"Portugal", este mes no Lecturas Debuxadas


Mañá martes, 22 de xaneiro, ás 20:00 h, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a  cita mensual do club Lecturas Debuxadas.

Nesta ocasión, o cómic sobre o que versará a xuntanza é Portugal (Normal, 2012), de Cyril Pedrosa.

Simon Muchat é un debuxante de cómics en plena crise. Despois do éxito do seu primeiro libro, sofre un bloqueo que lle impide volver escribir. Este bloqueo está destruíndoo todo: o seu traballo, a súa vida persoal, a relación coa súa parella, as súas ilusións...
Cando todo parece esboroar e perder o sentido, Simon recibe unha invitación para asistir a un festival de cómics en Portugal, o país natal da súa familia e o lugar onde pasou varios veráns durante a súa infancia.
En Portugal e a través dos seus cheiros, cores, idioma e xentes, descubrirá outra forma de existir, de pensar e de ser, unha nova formulación vital que podería converterse nunha nova fonte de inspiración, persoal e profesional.

19/1/13

No Contomar deste luns...


... leremos, entre outros, os seguintes contos: Tres bandidos, Gatiño e a neve, Adiviña canto te quero e A vella Lulula. Coma sempre, o Contomar comezará ás 18:00 horas na Biblioteca de Gondomar e está aberto a todas as familias con nenos de máis de 3 anos que queiran achegarse.

Estas son algunhas imaxes da sesión do luns pasado.

18/1/13

Aprázase a sesión de Contos en Cueiros

Por mor das previsións metereolóxicas para este sábado 19 de xaneiro (alerta laranxa por chuvia e ventos de máis de 100 km/h), a sesión de Contos en cueiros programada para mañá, ás 11:00 horas, na Casa da Lectura, queda aprazada ata novo aviso. Comunicarase a nova data proximamente. Lamentamos as posibles molestias.

17/1/13

Este sábado, Contos en Cueiros


Este sábado, 19 de xaneiro, a partir das 11:00 horas, Espazo Lectura organiza un novo encontro de Contos en Cueiros. Nesta ocasión, o lugar da cita é a Casa da Lectura.
Esta será a primeira sesión da actividade conducida polo voluntariado de Espazo Lectura. Nela, contaremos contos e cantaremos cancións cos bebés de 0 a 3 anos e cos seus papás e mamás.
Como o espazo da Casa da Lectura é relativamente pequeno, aconsellamos que se deixen os carriños no coche e que se traian os bebés no colo ou da man.

Recordamos como chegar á Casa da Lectura:

15/1/13

Este mércores na Casa da Lectura seremos artistas


A Casa da Lectura acollerá este próximo mércores unha nova sesión de dinamización lectora na que nos converteremos en artistas da man dos libros do autor e ilustrador Eric Carle. A partir das historias de Queres xogar comigo?, A xoaniña rosmona ou O artista que pintou un cabalo azul, achegarémonos ao universo de Eric Carle, dominado pola forza e a viveza das cores. A sesión comeza, como todos os mércores, ás 18:30h, pero a Casa da Lectura estará aberta xa desde as 17:30h.

Na sesión do mércores pasado foron tomadas as seguintes imaxes.