31/12/08

Un Contomar cheo de ollos

O luns 22 de decembro Espazo Lectura celebrou a última sesión do Contomar deste ano 2008 que acaba de rematar. Baixo a mirada atenta do saco Paco e da saqueta Henriqueta, as nosas mascotas, os case 50 nenos e nenas que asistiron escoitaron os contos Quen levou a lúa?, de OQO editora, e Onde perdeu Lúa a risa?, O vendedor de tomentas e Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Kalandraka. Da man dalgúns dos nosos pais e nais contadores de historias (Begoña, Ángel, Luís e Rosana), despedimos o ano escoitando contos, como facemos cada luns, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.



Ademais, no remate da sesión, presentamos o proxecto Os ollos do Contomar, un libro que estamos a preparar con fotografías de Manuel G. Vicente, que recolle algúns dos momentos desas sesións semanais de contacontos que celebramos desde hai case tres anos. Os protagonistas serán fundamentalmente os ollos atentos e ilusionados dos nenos e nenas que cada semana, coa súa presenza, lle dan sentido a esta actividade.

A finais do ano 2005 un grupo de nais da ANPA do CRA Antía Cal comezamos a pensar na posibilidade de organizar un contacontos en Gondomar no que fosen as propias nais e pais os que se encargasen de contar as historias. Co obxectivo de asesorarnos e formarnos nese sentido, organizamos o 12 de decembro dese ano unha charla para nais e pais con responsables da editorial Kalandraka. Desa semente nacería en febreiro de 2006 o Contomar, un contacontos semanal para nenos e nenas de 3 a 9 anos, que foi medrando co tempo e serviu de base ao nacemento da asociación Espazo Lectura. Unha pequena historia de retos e ilusións que esperamos ter axiña recollida en Os ollos do Contomar.






29/12/08

Berrobambán, socios de Espazo Lectura


A directiva de Espazo Lectura quere darlle a benvida como primeira socia protectora da asociación á compañía Berrobambán teatro, formada por Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Manolo Vázquez.
Berrobambán teatro é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde o seu nacemento en 1995, presentou diversos espectáculos para público infantil como Diariamente, Dous contos sen final e un final por fin, Movementos para trasnos e trastes, Bicharada ou Boas noites.
Precisamente para falarnos do libro Boas noites estivo Paula Carballeira no club de lectura Lendo contigo do pasado 29 de novembro.
Moitas grazas, soci@s!

28/12/08

As rulas de Bakunin, no Sete Vidas


O martes 13 de xaneiro celebraremos unha nova sesión do Club de lectura Sete Vidas. O libro proposto para esta ocasión será As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Trátase dunha novela que nace desde a sensibilidade dos derrotados e os perdedores. A intención do autor é recuperar a memoria dos heroes silenciosos que loitaron pola liberdade, presentándonos a vida de Camilio Sabio Doldán, un vello anarquista case centenario que viviu a guerra, o cárcere e o exilio. As rulas de Bakunin é unha novela que conmove. Guerra civil e anarquismo danse a man nunha novela histórica.
Esta novela mereceu no seu momento o Premio Manuel García Barros, que concede o Concello da Estrada. Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos narradores destacados da narrativa galega actual e autor de obras como Casas baratas, A quinta do Saler ou Os ollos de K, entre outros.
A sesión do Club de lectura Sete Vidas terá lugar, como vén sendo habitual, ás oito da tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar. A asistencia é libre e non implica ningún tipo de obrigas. Na foto inferior, unha imaxe da sesión anterior deste mesmo club de lectura.

27/12/08

Titerenadal

Reproducimos a continuación o programa Titerenadal, organizado polo Concello de Gondomar. As funcións son ás 18:00h, no auditorio Lois Tobío e a entrada custa 2,50 euros.

Sábado 27 Decembro
Compañía Cachirulo
Obra: “Do, re mi… Mozart xoga aquí”

Domingo 28 Decembro
Compañía The Pinga Teatro
Obra: “O rei de mares”

Luns 29 Decembro
Compañía Teatro del Andamio
Obra: “O monstro do castelo”

26/12/08

María Reimóndez estivo no Lendo Contigo

A escritora e presidenta da ONG Implicadas no Desenvolvemento, María Reimóndez, estivo o pasado sábado 20 de decembro no Club de lectura compartida Lendo Contigo para falar do seu libro Lía e as zapatillas de deporte. Estes son algúns momentos da súa intervención, falando de traballo e explotación infantil e do seu achegamento aos libros.







22/12/08

¿Demasiados libros?

Los demasiados libros é o título elixido para a última sesión do Club de Formación Lectora, que se celebra hoxe na biblioteca do CRA Antía Cal de Gondomar. A perspectiva de Gabriel Zaid, o autor do ensaio, resulta moi orixinal por abordar o ámbito do libro e a lectura desde unha perspectiva numérica e cunha óptica matemática. Este club de lectura está pensado para garantir a formación continua e a reciclaxe daquelas persoas vencelladas con Espazo Lectura ou que traballan ou colaboran con ela.

18/12/08

María Reimóndez, no Lendo Contigo

Este próximo sábado 20 de decembro, ás 12:00 horas, a escritora María Reimóndez estará connosco para participar no Club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para este encontro é Lía e as zapatillas de deporte, e sobre el dialogará María Reimondez coas nenas e nenos asistentes. O encontro terá lugar, como é habitual, na biblioteca de Gondomar.
Para nenos e nenas a partir de 11 anos recomendamos tamén a lectura doutro dos seus libros, Usha, e para os adultos recomendamos a súa novela O club da calceta, traducida ao italiano e ao español, levada á escena por Teatro do Morcego.



María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e presidenta da ONG Implicadas/os no Desenvolvemento, que que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.
Como escritora, María Remóndez publicou o libro de poemas Moda Galega (2002); O Caderno de Bitacora (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; Usha (2006), novela finalista do premioMerlín, Lía e as zapatillas de deporte (2008) e a novela O club da calceta (2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005. Ademais, colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.

17/12/08

Lecturas Debuxadas: A mansión dos Pampín

A primeira sesión do Club Lecturas Debuxadas xirou arredor de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, cómic desenvolvido no marco do Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Acudiron nesta ocasión 18 persoas e todas manifestaron que lles gustou moito o cómic, tanto aqueles que len habitualmente cómic como os que non.

A sesión tivo dúas partes ben diferenciadas. Na primeira comentouse a historia. Houbo moito debate, tanto pola historia como pola relación coa realidade que, tristemente, coñecemos todos moi ben. Algunhas persoas fixeron notar que na crítica que aparece no cómic á sociedade, faltaba a parte que lle toca aos bancos e aos propios arquitectos.

Na segunda parte falouse sobre o aspecto formal, onde nos fixamos naqueles aspectos que máis nos chamaron a atención e nos que creaban e reforzaban a narración da historia.

Tan inmersos estabamos no debate que xurdiu que ninguén se lembrou de tirar unhas fotos para poder ilustrar este post.

Despois falamos un pouco sobre os cómics de Miguelanxo Prado, onde se propuxo ler noutro momento Trazo de tiza.

Para finalizar debatemos un pouco sobre as próximas lecturas onde se nomearon Maus, Persépolis, Píldoras Azules, Arrugas, Paracuellos, e incluso algún de Mortadelo y Filemón ou Superlópez. Decidiuse que a próxima lectura, o terceiro martes de Xaneiro, sexa Los combates cotidianos, de Manu Larcenet.

Algúns lugares onde falan dos combates cotidianos:

12/12/08

Asociacionismo a prol da lectura

Entre os diversos colectivos que traballan en Galicia a prol do fomento da lectura, cómpre destacar o labor pioneiro da Lonxa Literaria de Moaña. Máis recentemente, constituíronse dúas asociacións relevantes. A primeira é Casaescola, que opera na zona de Arousa e que centra o seu traballo moi especialmente no ámbito educativo. A segunda é Marimanta, unha asociación de lectura infantil na comarca de Betanzos. A todas elas queremos enviarlles o noso recoñecemento polo seu traballo.




9/12/08

A morte dos personaxes dos contos

A campaña canadinana de fomento da lectura promovida pola Fondation pour l'alphabétisation, que coñecemos a pasada semana a través de Brétemas, é tan contundente e impactante que resulta necesario valorala reflexivamente. A campaña, presentada baixo o lema "Cando non lemos, a imaxinación desaparece", bota man de anuncios publicitarios coma estes vídeos que reproducimos a continuación (no segundo, incluímos a versión inglesa, aínda que a francesa é máis directa):




8/12/08

Hoxe non hai Contomar

Hoxe luns non se celebrará a sesión semanal do Contomar por ser festivo. O Contomar, que está na cuarta tempada , segue a ser a actividade dorsal de Espazo Lectura e ás sesións está acudindo unha media de corenta nenos cada semana. Precisamente por iso, e porque xa logrou crear un certo hábito lector entre os máis pequechos, en Espazo Lectura queremos darlle relevancia a esta actividade. Nese sentido, estamos a preparar novos proxectos que esperamos sacar axiña á luz. O Contomar non só logrou enganchar os máis pequenos aos contos senón que se constituíu nun referente para as nais e os pais á hora de mercaren libros no ámbito familiar.
A continuación reproducimos fotos da sesión do luns 17 de novembro.




7/12/08

Club de lectura virtual galego e portugués

Destinado ao público universitario galego e portugués pero tamén á sociedade galega e portuguesa, diversas institucións relacionadas coa Eurorrexión (Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e seis universidades públicas galegas e portuguesas) puxeron en marcha un Club de Lectura Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que se desenvolverá a través de internet.
A presentación pública da iniciativa tivo lugar en Compostela o pasado 27 de novembro, e as persoas interesadas en participar ou obter máis información poden dirixirse ao correo electrónico: xestión@fceer.org

5/12/08

Espazo Lectura participa no Culturgal

Varias persoas de Espazo Lectura desprazaránse o sábado á Coruña para participar no Foro Letras Vivas, un encontro que pretende achegar os programadores/as ás actividades de fomento da lectura integradas no programa Letras Vivas da Consellaría de Cultura. Na xornada, que se desenvolverá entre as 10,30h. e as 13,30 h. da mañá, poderemos ver e contactar aquelas propostas de fomento da lectura que resulten máis interesantes para o noso traballo na asociación.

4/12/08

As tertulias do IEM

Mañá venres 5 terá lugar unha nova tertulia do Instituto de Estudos Miñoranos, un ciclo xa clásico de encontros no Val Miñor que comezou o pasado mes. Mañá venres, o convidado será Xoán Ramón Doldán García, profesor de Economía Aplicada da USC e ex-director do Instituto Enerxético de Galicia, e a presentación correrá a cargo do empresario Roberto Valverde Sabín.
A continuación reproducimos a programación completa das tertulias para o vindeiro 2009. Para o ámbito do fomento da lectura, resultan especialmente atractivas as conferencias de Marilar Aleixandre e de Rosa Aneiros.
  • 9 xaneiro de 2009
    Carlos Pajares Vales (Catedrático de Física da USC, especialista en Física Teórica de Partículas Elementais). Presenta: Salvador Rodríguez Muñoz (profesor de Física e Química).

  • 6 febreiro de 2009
    Marilar Alexandre, escritora, prof. de Didáctica da Ciencia na USC. Presenta: Marta Dacosta Alonso (poeta e profesora).

  • 6 marzo de 2009
    Tino Fraga Vázquez (director dos Museos Científicos da Coruña). Presenta: Xosé Ramón García Martínez (profesor e botánico).

  • 17 de abril de 2009
    Xoán Ramón Vidal Romaní (catedrático de Xeodinámica da U. da Coruña). Presenta: Eduardo Méndez Quintas (experto en arqueoloxía).

  • 8 de maio de 2009
    Abe Rábade Villar (músico). Presenta: Anxo Angueira Viturro (escritor e profesor).

  • 6 de xuño de 2008
    Rosa Aneiros
    (escritora e xornalista) Presenta: Belén Fernández Lareo (profesora).

3/12/08

Sete Vidas "post-it"

Onte celebramos a segunda sesión do Club de lectura Sete Vidas, que xirou en torno á lectura do libro Vidas post-it, de Iolanda Zúñiga. Durante a sesión, coordinada por Anxo Iglesias, os participantes falaron animadamente e debateron aqueles aspectos do libro que máis lles chamaron a atención. Trala lectura dos relatos de Iolanda Zúñiga, os participantes concordaron en que se trataba dun libro "diferente", "fresco", que respiraba tango, que sabía aproveitar a cotianidade da vida para plasmala de xeito soprendente nunha páxinas que ispen a contradicción da sociedade contemporánea, que desenmascaran a rutina, desde o humor e a tenrura, aínda que con rotundidade.
A próxima sesión do Club de lectura Sete Vidas terá lugar o martes 13 de xaneiro (aprázase unha semana debido ao festivo) e o coordinador da sesión será Bieito Legaspi, que propuxo como lectura o libro As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello, publicado pola editorial Galaxia.

30/11/08

As boas noites de Paula Carballeira








Onte estivo con nós en Lendo Contigo a escritora, contacontos e actriz Paula Carballeira que nos falou do libro Boas noites, da escuridade, dos monstros, dos medos, da noite e dos xogos. Máis de 50 persoas entre nenas, nenos e adultos gozamos coas historias marabillosas de Pedro Chosco, a Muller do Saco e Xiana, a nena que non tiña tempo para xogar.
Paula regalounos para rematar un fermoso conto turco dun Home do Saco namorado dunha bela dama.

E esta noite, moitos e moitas de nós, á hora de durmir, remexéndonos entre as sabas, cantaruxaremos como Xiana:

Mentres dormes

Pola noite

Vai andando o Pedro Chosco

Coas súas armas mata-medos

Co seu saco cheo de soños


¡Grazas Paula!

Deixade os vosos comentarios sobre que vos pareceu o libro Boas noites ou a sesión de onte do club de lecturas compartidas Lendo Contigo.




29/11/08

Miguel Anxo Fernán Vello opina sobre o libro electrónico

O editor e poeta Miguel Anxo Fernán Vello publicou no xornal Galicia Hoxe dous interesantes artigos sobre o libro electrónico:
(...) O libro do futuro, na miña opinión, será electrónico, e digo isto con toda naturalidade e con toda seriedade. O libro de papel, sen dúbida, foi e é unha das grandes creacións da humanidade, un obxecto e un produto de altísima utilidade, crucial na historia das ideas e do coñecemento. Ninguén o pon en dúbida. E ademais, en moitos casos, chega a ser un obxecto fermoso. Mais os tempos mudan. E as vontades. ¿Cal é hoxe o custo ambiental que vai aparellado á edición en papel? (...) Evidentemente, o libro tradicional convivirá durante anos co libro electrónico, mais este último gañará a partida. (...) E non temamos, non, pola literatura. Como di o profesor Joaquín Mª Aguirre, "a literatura é a arte da palabra, non a do papel (...).
Ler os artigos integramente: 1 e 2.

28/11/08

Remoldiño vai á feira

Os actores Chus Álvarez e Antonio L. Rico, da compañía Casahamlet, dirixidos por Paulo Serantes, representaron esta semana en Gondomar O caracol remoldiño. Este espectáculo foi promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia e xestionado para o Val Miñor por Espazo Lectura.






27/11/08

Paula Carballeira no Lendo Contigo

O vindeiro sábado 29 de novembro, ás 12:00h, comezamos de novo o club de lectura compartida Lendo Contigo, que se celebrará, como é habitual, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Como sabedes, este club de lectura, dirixido a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos, consiste en lermos unha mesma obra literaria e reunirnos para falar sobre ela co seu autor ou autora os últimos sábados de cada mes.

Desta volta, o libro que imos ler será Boas Noites (Xerais, 2007) e contaremos coa presenza da súa autora, Paula Carballeira, que de seguro nos fará pasar unha mañá moi agradable e interesante falándonos e contándonos cousas da súa obra, que foi gañadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006.

Paula Carballeira naceu en Maniños, Fene, no ano 1972 e xa dende pequena, como ela mesma afirma, tivo “unha certa inclinación a fabular outros mundos, preferentemente na literatura e no teatro”. Dedícase profesionalmente ao teatro, á televisión (participa como actriz en series como Libro de familia) e á narración oral. Ademais de todo isto, aínda lle queda tempo para impartir cursos de promoción e animación á lectura e para escribir. Ten publicadas varias obras, sobre todo de literatura infantil e xuvenil, como A percura (1990), Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (1996), Olo-iepu-iepu (1999), Mateo (1999), Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (1999), Paco (2001), Correo urxente (2001), A era de Lázaro (2004), Smara (2006) e Boas noites (2007).


26/11/08

Preséntase unha guía sobre clubs de lectura

A Consellería de Cultura presentou ao longo da semana pasada o manual Lecturas compartidas. Guía para crear un club de lectura, da autoría de Eva López, onde se explican os pasos fundamentais que cómpre seguir para crear e manter un club destas características.
Moitos dos aspectos tratatos xa aparecían recollidos na obra Clubs de lectura, de Cecilia Monllor (2004), promovida tamén pola Consellería de Cultura do anterior goberno da Xunta, mais cunha diferenza para nós fundamental: a actual incide na creación e fomento de clubs de lectura en galego, como unha ferramenta máis de cara á normalización lingüística e á difusión das obras de autor@s da literatura galega e universal vertida á nosa lingua.

A guía pódese descargar en formato PDF.

25/11/08

O caracol Remoldiño chega a Gondomar

Mañá mércores 26 de novembro, a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá dúas representacións do espectáculo teatral Remoldiño vai á feira, da compañía Casahamlet, adaptación do conto do mesmo título do que é autor Xoán R. Cuba con ilustracións de Óscar Villán. Este espectáculo, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia na campaña Voces á orella, chega a Gondomar da man da asociación Espazo Lectura, que organizou dúas sesións: unha, ás 12:00h, para o alumnado de Educación Infantil do CRA Antía Cal, e outra, ás 17:00h, aberta a nenos e nenas de 3 a 8 anos, que se inscribiron previamente a través de Espazo Lectura. A actividade encádrase dentro da programación de fomento da lectura que Espazo Lectura está a desenvolver ao longo de todo o mes de novembro baixo o lema Polo San Martiño, libros ao camiño.
O espectáculo da compañía Casahamlet, dirixido a nenos e nenas de tres a oito anos, constitúe unha adaptación de Manuel Lourenzo do conto rimado homónimo de Xoán R. Cuba, ilustrado por Óscar Villán e editado por Xerais dentro da súa colección Merliño: Remoldiño nunca fora a Monterroso na vida, e quería ver a feira máis famosa de Galicia. Para viaxar argallou unha artimaña: subiu nunha bota dun tratante da montaña. Na feira estaba agardando un vello amigo de seu, o caracol don Rolando, que nesa vila naceu. Na obra, dirixida por Paulo Serantes, participan os actores Chus Álvarez e Antonio L. Rico.

24/11/08

Premio Nacional ao Fomento da Lectura 2008

O programa radiofónico Autor, Autor e a Confederación de Libreros CEGAL foron galardoados hoxe co Premio Nacional ao Fomento da Lectura correspondente ao ano 2008. O Premio, que concede o Ministerio de Cultura, ten por obxecto recoñecer o papel que diferentes persoas e entidades españolas, especialmente os medios de comunicación, desenvolven no fomento do hábito lector. Ten carácter honorífico e, xa que logo, carece de dotación económica.

O xurado concedeu o premio ao programa Autor, Autor pola súa eficacia na promoción da lectura a través da radio, grazas á cooperación de diferentes cadeas de ámbito autonónico; e aos libreiros, a través da súa asociación CEGAL, polo seu indiscutible papel na difusión da lectura e polo seu traballo como intermediarios indiscutibles entre os libros e os lectores.

23/11/08

Oficina de sobrevivencia para pais contadores de histórias

Dentro da liña permanente de formación lectora que mantén Espazo Lectura, liña deseñada desde a Comisión de Formación, cinco membros da nosa asociación desprazáronse onte sábado á Biblioteca Municipal da Póvoa de Varzim, en Portugal, para asistir a unha sesión de tres horas titulada "Oficina de Sobrevivência para Pais Contadores de Histórias", impartida polo grupo O contador de histórias co apoio da Biblioteca Municipal, a Direcção Geral do Livro e das Bibliotecas e enmarcada no Plano Nacional de Leitura.
A participación era especialmente significativa para Espazo Lectura dado que a nosa actividade fundacional, o Contomar, é unha sesión de contacontos protagonizada polas nais e pais, que son os verdadeiros artífices das historias que se lles contan aos nenos e nenas asistentes. Na sesión, impartida por Nuno Garcia Lopes, participaron arredor de 40 especialistas en fomento da lectura do norte de Portugal.
Ao rematar a actividade, a bibliotecaria Fernanda Trovão tivo a xentileza de acompañar os membros de Espazo Lectura nunha visita a través da biblioteca, montada nun deslumbrante espazo ao servizo da lectura, moderna e magnificamente dotada, que conta cun cadro de persoal fixo de 22 persoas para unha poboación de 50.000 habitantes e que ten programas envexables de dinamización lectora nos hospitais, bibliotecas temporais nas praias, bibliotecas de xardín e unha impresionante dotación de recursos multimedia e audiovisuais, así como un importantísimo centro de documentación local, entre outras moitas cousas. Desde Espazo Lectura queremos agradecerlle a súa amabilidade a Fernanda Trovão e darlle os parabéns polo seu traballo a todo o equipo da biblitoeca. Desde principios dos anos 90, cando se promoveu un plan de creación de infraestruturas bibliotecarias impulsado polo goberno portugués, a situación bibliotecaria do país veciño constitúe un exemplo a seguir.



22/11/08

Nova cita do Club de Lectura Sete Vidas


O próximo martes 2 de decembro contra as oito da tarde na Biblioteca Pública de Gondomar celebraremos a segunda sesión do Club de Lectura Sete Vidas, dedicado a novelas e libros de relatos. Nesta xuntanza imos compartir opinións sobre o libro Vidas post-it (Editorial Xerais), de Iolanda Zúñiga. Se queredes participar ou saber máis, dirixídevos a información@espazolectura.org ou contactade no 608087119. Seguimos buscando persoas que queiran compartir o goce da lectura. Unídevos ao Club!

20/11/08

O proxecto lector de Libros para soñar

A fermosa libraría viguesa Libros para soñar retomou a pasada semana o seu coñecido proxecto de animación á lectura cunha sesión especial de contos e música. A libraría do Casco Vello, especializada en literatura infantil e xuvenil, retoma así este mes de novembro as súas actividades de fomento da lectura, que teñen lugar os venres a partir das 18:30 horas, convidando a entidades e colectivos da cidade a participar activamente na súa programación, dirixida ao público familiar.
A próxima semana será a Fundación Meniños a que visite Libros para soñar para explicar o seu traballo de protección da infancia, que se plasma en programas de atención familiar, de acollemento e adopción, e de sensibilización social. O programa do mes de novembro rematará o día 28, coa presentación do libro O pirata pata de lata, editado por Kalandraka, cos seus autores, o escritor de Cangas Xosé Manuel González e o pintor vigués Ramón Trigo.

Máis información: Libros para soñar, r/ Triunfo, 1. Vigo Tlf. 986 43 37 68 lps@kalandraka.com

19/11/08

Primeira xuntanza do Club Lecturas Debuxadas

Na primeira xuntanza do Club Lecturas Debuxadas participaron 12 persoas interesadas no mundo do cómic.

Aproveitarase para ir comentando, ademais do argumento, a linguaxe visual e así ir coñecendo pouco a pouco todos os elementos que conforman esta forma de contar historias.

O cómic que se propuxo como primeira lectura é A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, que se pode descargar de balde. Será o cómic que comentaremos o martes, 16 de decembro.

Na conversa saíron varias webs e blogs interesantes. Iremos pondo pouco a pouco os lugares que máis nos vaian interesando:

Para analizar un pouco os elementos da linguaxe do cómic recorremos a BDbanda e aos seus paneis da exposición Bases da Banda:




Por último referir as diversas reaccións na rede á creación do noso club de cómics:

(Se hai máis e non están aquí, por favor deixade un comentario co vínculo. :) Graciñas)

Anímate a participar!

18/11/08

Sesión informativa sobre Lecturas Debuxadas

Hoxe martes 18 de novembro terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión informativa do Club Lecturas Debuxadas, un club de lectura sobre cómic que Espazo Lectura bota a andar e que se celebrará o terceiro martes de cada mes ás oito da tarde (20:00 h.) na devandita biblioteca. Para asistir á reunión non é necesario inscribirse.

A asistencia ao club de lectura é totalmente libre e non implica ningún tipo de compromiso. Trátase, simplemente, de ler un cómic, reunirse e, aquelas persoas que o desexen, comentar e compartir as lecturas feitas a partir dun título proposto.

O Club Lecturas Debuxadas está coordinado por Félix Rodríguez e quen queira ampliar información pode dirixirse a el a través do correo electrónico clublecturasdebuxadas@espazolectura.org ou a espazolectura@espazolectura.org

17/11/08

Xornadas de Clubs de Lectura

Hoxe luns, oito persoas de Espazo Lectura acuden a Pontevedra ás Xornadas de Clubs de Lectura que organiza a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e que celebran na Biblioteca Pública do Estado en Pontevedra. Cun horario de 17:00 a 20:00 h, o programa, dividido en dúas partes ("Lecturas compartidas" e "As lecturas"), desenvólvese baixo o seguinte guión:

Lecturas compartidas
Crear e dinamizar un club de lectura
Que é un Club de Lectura?
Para que serve un Club de Lectura?
Historia dos Clubs de Lectura
Clubs de Lectura en Galicia
Coordinación e moderación dos clubs
Dúbidas e recomendacións
O papel d@ coordinador@
Resolución de posibles conflitos
Normas básicas do club

As lecturas
Consellos para seleccionar as lecturas
Como conseguir os libros
Claves para analizar unha obra. Guías de lectura
As reunións
A dinámica das sesións
Actividades complementarias: enriquecer a lectura
Clubs de lectura virtuais
Clubs infantís e xuvenís
Axudas institucionais para crear un club de lectura
Listado de lectura
Webs recomendadas

16/11/08

Un intenso concerto musical e literario

Onte á mañá celebrouse no Auditorio Lois Tobío de Gondomar o concerto Contos en cantos, para o que Espazo Lectura reuniu arredor de 400 persoas que asistiron para vibrar e divertirse coas cancións interpretadas polos músicos de Almudena Janeiro, cancións baseadas en doce contos de OQO editora (Chocolata, Mariluz Avestruz, Titiritesa, Loboferoz...). Á saída, OQO e a Secretaría Xeral de Política Lingüística agasallaron aos 240 nenos asistentes con candanseu libro-CD-DVD, que contén as letras e as cancións de Contos en Cantos. O libro tamén pode atoparse nas librerías. Reproducimos unha crónica fotográfica do evento con imaxes cedidas por Bruno Centelles.