30/10/09

Suspéndese o encontro con Susana Lamela

Comunicámosvos que nos vemos obrigados a suspender, por enfermidade da autora, a sesión de mañá sábado pola mañá do Lendo Contigo, na que estaba previsto un encontro con Susana Lamela. En canto nos sexa posible poñeremos unha nova data para ese encontro, que queda pendente ata próximo aviso. Lamentamos as molestias causadas.

Susana Lamela, no Lendo Contigo

Mañá, sábado 31 de outubro, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a escritora galega Susana Lamela estará connosco para participar na primeira sesión da nova tempada do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, que reanudará as súas actividades tras as vacacións de verán.
O libro proposto nesta ocasión é Soños de andel, publicado pola editorial Tambre, que constitúe a primeira incursión no mundo da escrita desta mestra e escritora nada en Ponteareas no ano 1975. Soños de andel conta a historia de Ani, un libro que pasa os días de maneira triste no andel dunha biblioteca porque ninguén o quere levar á casa.

Sobre os libros, as bibliotecas e o pracer de ler xirará este primeiro encontro do novo curso do Lendo Contigo, unha actividade que organiza a asociación Espazo Lectura de Gondomar e que celebra xa a súa terceira tempada de vida.

29/10/09

"Contos musicados" na Biblioteca de Gondomar

Hoxe, na Biblioteca de Gondomar, arredor de 100 nenos e nenas do CEIP Chano Piñeiro e do CEIP Serra-Vincios asistirán á animación "Contos musicados", de Servando Barreiro, feita a partir do libro Micifú e os seus amigos, de Ramón Caride Ogando.

A actividade, xestionada por Espazo Lectura en Gondomar, está promovida pola Editorial Everest e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración da Biblioteca Municipal.

27/10/09

Os mércores na Casa da Lectura

Continúan todos os mércores, ás 18:30h, as sesións de dinamización na Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas). Mañá teremos unha actividade a cargo de Trini Puentes que falará cos nenos e nenas sobre a comunicación humana e a importancia da voz para falar e comunicar os nosos sentimentos e estados de ánimo. Partirase do conto Historias da voz, no que unha nena vai de viaxe para buscar unha voz fermosa para a súa nai e, logo de atopar voces diferentes, comprende que cadaquén ten a súa voz, que é algo persoal, e que a da súa nai é a máis bonita do mundo. Logo os nenos xogarán a través de frases e cancións a cambiar as voces para descubrir así as múltiples posibilidades que ten a nosa voz.

Cada semana a Casa da Lectura abre as súas portas de 17:30h a 19:30h para que as nais e pais poidan achegarse a ler cos nenos e nenas e para participar na actividade de dinamización que se organiza ás 18:30h, propostas diferentes nas que se combinan os contos e as historias con outras actividades. Hai dúas semanas contamos contos de ourizos e logo cada neno fixo o seu ourizo de plastilina e pipas e, a semana pasada, a través dos mapas dos atlas, fomos de viaxe a Ucrania a buscar Pedro e o lobo, un conto con música de Sergei Prokofiev. Logo cada neno mandoulle a alguén unha postal contándolle a experiencia.

25/10/09

O sábado 31 de outubro volve o Lendo contigo

O vindeiro sábado, 31 de outubro, volven as sesións mensuais do Club de Lectura Compartida Lendo contigo. Coma sempre, a cita será ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Para a primeira sesión desta tempada o libro que propoñemos é Soños de andel (Tambre, 2009) da escritora Susana Lamela, que estará con nós o sábado na biblioteca para falarnos deste fermoso conto que ten como grandes protagonistas os libros.

Que é o Club de Lectura Compartida Lendo contigo?
Trátase dun club de lectura especial porque está destinado a nenos e nenas de 8 a 11 anos e aos seus pais e nais. Cada mes, Espazo Lectura propón a lectura dun libro que os nenos deben facer nas súas casas xunto cos seus pais e nais. O último sábado do mes, os participantes na actividade poderán ter un encontro na biblioteca de Gondomar cos autores/as dos libros, quen lles contarán asuntos relacionados coas lecturas que viñeron de facer e moitas cousas máis.
A actividade ten como finalidade crear hábito lector nos nenos e nenas destas idades e implicar ás familias nese proceso.

Para participar no Lendo contigo non é preciso inscribirse, só cómpre ler o libro proposto e acudir á Biblioteca Municipal de Gondomar os últimos sábados de cada mes ás 12.00 da mañá.

22/10/09

Marcos Calveiro, autor de "Festina lente", estará mañá en Libraida

A libraría Libraida, en colaboración con Edicións Xerais, organiza un encontro co escritor Marcos Calveiro, autor de Festina lente, a novela proposta no club de lectura Sete Vidas para o mes de outubro. O acto, presentado polo profesor Manuel Candelas, celebrarase este venres, 23 de outubro, ás 20.30 horas na libraría Libraida (Rosalía de Castro núm. 13, Gondomar).
Nas imaxes, dous momentos da sesión do Sete Vidas dedicado á novela de Marcos Calveiro.

21/10/09

As xornadas "Lendo en familia" en imaxes

Conferencia inaugural de Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura
Intervención de Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas escolares da Consellería de Educación
Sesión de contacontos na Casa da Lectura a cargo de Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura e coordinadora da Área de Dinamización
Charla da escritora, contadora e actriz Paula Carballeira
Sesión de contacontos a cargo de Paula Carballeira
Presentación da "Guía de recomendacións, consellos e orientacións para as familias"
Visita á exposición de materiais
Mesa redonda con Dolores Vilavedra e María do Cebreiro
Conferencia de clausura a cargo do escritor Agustín Fernández Paz
As xornadas puidéronse seguir a través de Twitter

18/10/09

O Club Lecturas Debuxadas comeza a tempada coa visita de Kiko da Silva

O martes 20 de outubro arrinca a nova tempada do Club Lecturas Debuxadas cunha sesión especial na que contaremos coa presenza de Kiko da Silva. O ilustrador estará na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas para falarnos sobre a situación da banda deseñada en Galicia e de todos os proxectos nos que traballa: as revistas Retranca e Bdbanda, a súa serie de banda deseñada Fiz nos biosbardos, os álbumes ilustrados e as colaboracións que publica en La Voz de Galicia e El Jueves, etc.

Ademais, ese mesmo día 20 inaugurarase na Casa da Cultura a exposición As bases da banda, da que xa se falou no club. A exposición permanecerá en Gondomar ata o 14 de novembro.


As xornadas "Lendo en familia" na rede

Diferentes medios electrónicos recolleron información sobre o desenvolvemento das xornadas Lendo en familia organizadas por Espazo Lectura o 16 e 17 de novembro:

- Faro de Vigo
- A Nosa Terra
- Vieiros
- Galicia Hoxe
- Praza das Letras
- Asociación de Escritores en Lingua Galega
- O Lar de Frianciño
- A Tartaruga Lectora
- Asociación Galega de Editores

17/10/09

Twitter, a lectura e as xornadas

Durante a tarde de hoxe, Espazo Lectura informou en tempo real acerca do desenvolvemento das xornadas "Lendo en familia". A través de case 40 microposts, demos conta de moitas das afirmacións importantes dos convidados. Con todo, a baixa intensidade do sinal da conexión á rede do Centro Neural de Gondomar e o colapso de Twitter (Twitter is over capacity) fixeron difícil o microblogueo, que puido ser máis dinámico. En calquera caso, mañá, se as condicións técnicas nolo permiten, seguiremos informando durante todo o día. Do acontecido, xa queda testemuño aquí. Léano, por favor. Porque como asegurou Cristina Novoa, "non podemos reducir a lectura á actividade daqueles que len literatura. Hai outro tipo de textos e entender isto é fundamental."

16/10/09

Arrincan as xornadas 'Lendo en familia'

Esta tarde, ás cinco, darán comezo no Centro Neural de Gondomar as xornadas "Lendo en familia", que Espazo Lectura organiza coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Gondomar. O prazo de admisión pechouse con 60 persoas inscritas e coa sala ao límite da súa capacidade, proba do interese e a preocupación que o tema suscita na cidadanía.
Desde o mesmo momento da inauguración, Espazo Lectura irá informando do desenvolvemento das xornadas e das principais declaracións dos convidados en tempo real a través de twitter. A partir das 17,30 h. toda a información poderá ser seguida desde aquí. A retransmisión abordará a sesión inaugural, unha conferencia de Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura) e unha conferencia de Cristina Novoa (asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación). Posteriormente, os asistentes trasladaranse en autobús á Casa da Lectura para asistir a unha sesión de contacontos a cargo de Rosana Estévez (coordinadora da área de dinamización de Espazo Lectura).
Ao día seguinte, sábado, novamente desde twitter, informaremos acerca do taller impartido por Paula Carballeira, a presentación dos materiais, a mesa redonda de Dolores Vilavedra e María do Cebreiro, así como a conferencia de clausura impartida polo escritor Agustín Fernández Paz.

9/10/09

Xa está aberto o prazo para participar nas Xornadas Lendo en familia

Os días venres 16 e sábado 17 de outubro, no Centro Neural de Gondomar, terán lugar as Xornadas Lendo en familia que organiza Espazo Lectura en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Estas xornadas, destinadas fundamentalmente a nais e pais interesados en fomentar o hábito lector nos seus fillos e fillas, queren servir de formación e de intercambio de experiencias para que nais e pais se sintan máis seguros e acompañados nese fascinante camiño. Ao longo deses dous días poderemos:
  • aprender a contar contos e a ler cos nosos fillos e fillas
  • divertirnos e aprender trucos e ferramentas que podemos utilizar neste proceso
  • reflexionar sobre a importancia da lectura na formación dos nenos
  • coñecer que se está a publicar en literatura infantil e xuvenil
  • asistir a sesións de contacontos que nos sirvan de modelo
Malia estaren destinadas a adultos, durante a celebración das xornadas haberá un servizo de ludoteca para atender os nenos e nenas mentres as nais e pais asisten ás diferentes sesións. Ademais, cada un dos dous días haberá unha actividade na que tamén poderán participar os pequenos.


PROGRAMA

Venres, 16 de outubro

  • 17.00 h: Inauguración.
  • 17.30-18.30 h: Conferencia inaugural a cargo de Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, baixo o título "Ler en familia: unha responsabilidade e un pracer".
  • 18.30-19.30 h: Cristina Novoa, asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación da Xunta de Galicia: "Familias lectoras e bibliotecas: aquí facemos falta todos!"
  • 19.30-20.30 h: Traslado en autobús á Casa da Lectura (Donas) e sesión de contacontos a cago de Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura e coordinadora da área de dinamización (participarán tamén os nenos e nenas).

Sábado, 17 de outubro
  • 10.30-11.30 h: Paula Carballeira, escritora, contadora e actriz: "Mañas para contar un conto".
  • 12.00 h: Contacontos de Paula Carballeira (participarán tamén os nenos e nenas).
  • 13.00 h: Visita á exposición de materiais e presentación da Guía das xornadas.
  • 14.00-16.30 h: Xantar.
  • 17.00-18.30: Mesa redonda "A experiencia de medrar nunha casa na que se le", na que participarán Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago e nai nunha casa na que se le, e María do Cebreiro, escritora e filla nunha casa na que se le.
  • 19.00-20.00 h: Conferencia de clausura a cargo do escritor Agustín Fernández Paz baixo o título "A descuberta do mundo".


COMO PARTICIPAR


Se desexades asistir ás xornadas, podedes incribirvos gratuitamente a través do enderezo electrónico espazolectura@gmail.com ou chamando ao número 619 292 991 antes do 14 de outubro.

Podedes ver o díptico das xornadas en PDF picando sobre a imaxe que aparece na marxe superior dereita deste blog.

8/10/09

A Casa da Lectura encheuse de animais imaxinarios

Na actividade deste mércores, a Casa da Lectura estivo habitada por unha chea de animais imaxinarios. Comezamos a sesión buscando entre as páxinas dun conto o escondite do Ziezozaurus, un dinosauro grandullón ao que lle gusta moito xogar ás agachadas.
Despois, coa axuda do libro Imaxina animais, soubemos que moitos dos obxectos que temos nas nosas casas en realidade son animais imaxinarios e que existen tantos como a nosa imaxinación sexa capaz de crear.
Por exemplo, soubemos que as fregonas non son fregonas, senón unha clase de polbos; que os abrelatas en realidade son tiburóns e se chaman tibulatas; que os plátanos, mellor dito, os platafiños, son un tipo de golfiños, ou que as cremalleiras dos nosos pantalóns son serpes: as serpelleiras...
Para rematar, creamos o noso animal imaxinario: cunha pinza da roupa, un clip e unha cartolina fixemos bolboretas que tiveron moitos nomes: pinzareta, pinzabolboreta, pinzaflor, bolborroupa...

7/10/09

Varios colexios de Gondomar participarán mañá nunha actividade de animación lectora xestionada por Espazo Lectura

Cen nenos e nenas, de entre 9 e 11 anos, do CEIP Souto-Donas e do CEP Neira Vilas de Peitieiros asistirán mañá día 8 á mañá a unha sesión de animación lectora na Biblioteca Municipal de Gondomar a cargo do mago Chrystyan Magic e o seu espectáculo Lingua máxica, baseado no libro O sorriso de Rosalía da autora Cristina Sáez Cazallas.

A actividade, xestionada en Gondomar por Espazo Lectura, está promovida pola editorial Everest e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, co apoio da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Os nenos e nenas recibirán como agasallo cadanseu exemplar do libro O sorriso de Rosalía. Esta actividade complementarase con outras dúas sesións doutro espectáculo programado para o día 29 de outubro.

Hoxe, coma todos os mércores, abre a Casa da Lectura


Esta tarde, de 17.30 a 19.30 horas, a Casa da Lectura terá as súas portas abertas e ofrecerá unha nova actividade de animación á lectura a partir das 18.30.
Desta volta, a actividade consistirá nunha sesión de contacontos destinada a nenos e nenas de máis de 3 anos, que terá o poder da imaxinación como protagonista.

6/10/09

Sesión especial do Contomar coa presenza de Yolanda Castaño






Máis de 50 nenos e nenas participaron onte, na Biblioteca de Gondomar, na sesión inaugural da nova tempada do Contomar, que correu a cargo da polifacética escritora Yolanda Castaño. Yolanda presentounos o seu último conto infantil publicado, Cando eu saiba ler (Galaxia, 2009).
Ondas do mar, gatos monteses, griliños cri-cri, árbores azuis e rabos de cans xogaron coas vogais, compuxeron versos e falaron de palabras que son como caramelos e que voan polos aires. Logo, Yolanda Castaño tamén nos contou as aventuras de Punver, un divertido e estrafalario punki-vermiño.
E, ao remate, unha gran sorpresa: o agasallo do conto Cando eu saiba ler asinado pola autora para todos os nenos asistentes.

O próximo luns 12 de outubro non haberá Contomar, por ser festivo. As sesións reanudaranse o luns 19 de outubro e será entón cando celebremos os cumprecontos de todos aqueles nenos e nenas que fixeron anos durantes estes últimos meses.