21/7/09

Xogamos cos contos III

O xoves 9 estreamos no obradoiro o Xogo de Espazo Lectura: un taboleiro xigante polo que catro equipos de nenos e nenas tiñan que ir avanzando grazas a un dado e á súa habilidade para superar probas e responder preguntas relacionadas cos contos: "Que lle deron de comer os pais de Garavanciño ao boi para que expulsase o seu fillo?" ou "Con que animais se foi atopando a avoa no conto Corre, corre, cabaciña cando ía á casa da súa neta?"
Loxicamente, no xogo podía influír tamén a sorte... Por exemplo, se caías na casa da ponte dos Chibos chibóns ou na de Catarina e o oso podías avanzar ou retroceder. Se caías na torre de Rapunzel, na casa do gato ou na da xoaniña rosmona, tiñas que agardar unha rolda sen tirar. E se caías na casa do paxaro que lle comeu as farangullas de pan a Polgariño, non podías seguir o camiño porque estabas perdido e tiñas que volver comezar... Claro que se caías na casa de Espazo Lectura ías de Espazo Lectura a Espazo Lectura e a seguir coa aventura!
E así, con probas, pistas, preguntas, cancións, debuxos e escenificación de contos, os nenos e nenas foron entrando no xogo con tanta emoción e paixón que cando chegou a hora de marchar ninguén quería levantar o cu. Aquí van algunhas imaxes.

19/7/09

Xogando cos contos II








O mércores 8 de xullo, o obradoiro Xogamos cos contos tivo como tema central as froitas. Contáronse tres contos que falan de froitas e verduras: Unha eiruga moi larpeira, Que tal, vexetal? e A araña e mais eu. Despois fixemos un obradoiro no que cada neno fixo unha ratiña a partir dun limón. Tamén fixemos espetos de froitas para merendar e rematamos cun granizado de laranxa e limón que estaba para lamber os dedos.

17/7/09

Xogamos cos contos I

Os días 7, 8 e 9 de xullo, Espazo Lectura desenvolveu na Biblioteca Municipal de Gondomar uns obradoiros nos que participaron uns 20 nenos e nenas. Esta actividade, promovida pola Concellaría de Educación do Concello de Gondomar, estaba dirixida a nenos e nenas de 5 a 10 anos e tiña como obxectivo propoñer diferentes xogos e actividades relacionados cos contos.
O día 7, martes, a sesión tivo como tema central os números. Logo dunha rolda de presentacións inicial para que os nenos se coñecesen, contamos dous contos que falan de números: Cantas pingas na cidade! e A guerra dos números. Deseguido fixemos un obradoiro de ilustración no cal cada neno caracterizou e pintou un 10, en relación co final do conto A guerra dos números, unha historia de ceros e uns que aprenden a vivir en paz. Tamén cantamos cancións que falan de números e rematamos xogando por equipos ao xogo dos ceros.
Aquí van algunhas imaxes de diferentes momentos da sesión. Nos próximos días contaremos máis cousas destes obradoiros.

15/7/09

As lecturas para o verán das bibliotecas escolares


O blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia está a recoller as diferentes listaxes con recomendacións de lecturas para o verán elaboradas por bibliotecas escolares de todo o país. Moi recomendable a súa consulta.

10/7/09

Recomendacións para ler durante o verán

O suplemento cultural Luces da edición galega do xornal El País publica hoxe unha reportaxe titulada "Ler no verán para preparar o inverno" na cal diferentes persoas do mundo da cultura recomendan lecturas para saborear durante os meses de verán. Bo proveito!

3/7/09

Ler é facer maxia creadora

Recomendamos o artigo "Ler é facer maxia creadora" publicado hoxe no suplemento Luces de El País, onde Suso de Toro reflexiona arredor da lectura e da escrita ante os cambios que están a introducir as novas tecnoloxías. Nel dinse cousas coma esta:
Ante o texto situámonos nese intre do amencer tan breve que abre e funda o día, nese campo delicado entre o soño e a vixilia, cando temos as pálpebras cerradas aínda e xa a luz da mañá ilumina nelas. Ler é estar entre a imaxinación e a conciencia. As palabras son cifras. O escritor cifra nelas o mundo, mais quen le descifra un mundo semellante ao escrito, mais sempre diferente, pois quen le é dono do que le. Quen le crea un mundo, un soño. Mais o soño non está aí fóra: o que soñamos lendo transcorre dentro de nós.

1/7/09