25/6/10

As actividades de fomento da lectura na Casa da Lectura regresan despois do verán

A Casa da Lectura despediu o pasado 16 de xuño as sesións de dinamización até despois do verán e fíxoo converténdose nun restaurante moi especial no que os clientes puideron degustar un completo Menú do Conto no que os contos daban paso a soborosos pratos inspirados nos textos. Comezamos cuns montadiños de pan e queixo preparados na cociña real do conto A pota que trota. Servíronse a continuación croquetas de Pito cairo e tortilla feita co ovo de A vaca que puxo un ovo. As sobremesas incluíron chocolate saboreado aos diferentes estilos de Gústame o chocolate e torta de amoras traída de A casa da mosca chosca. Cun servizo de camareiras de luxo e moito humor, os nenos e nenas gozaron da comida e do sabor delicioso das palabras que alimentan a imaxinación.



As actividades de dinamización lectora da Casa da Lectura reiniciaranse á volta das vacacións de verán.

Así foi a III Noite na Biblioteca

Como despedida das actividades infantís de fomento da lectura desenvolvidas ao longo do curso, por terceiro ano durmimos, a fin de semana do 19 ao 20 de xuño, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Pero antes de durmir, gozamos dun intenso programa de animación á lectura.

As actividades destinadas ao público en xeral comezaron ás sete e media da tarde do sábado diante da biblioteca, cando Alicia e o Coello Branco, acompañados de ducias de nenos e nenas, iniciaron un roteiro na busca do conto do que saíran e que perderan. Para iso, foron na procura de catro condesas que lles leron cadanseu conto en diferentes prazas de Gondomar. Tras seguir as pistas que lles proporcionaron e coa axuda da Raíña de Cozaróns atoparon o seu libro: Alicia no país das marabillas. Pero antes diso, coñeceron a Almudena Janeiro e aos seus músicos, que interpretaron as cancións do libro-DVD Contos en cantos.

Ao remtar o concerto subimos á biblioteca onde comezou a segunda parte da programación, na que participaron 33 nenos e nenas inscritos previamente. Tras a cea coas familias, despedíronse dos pais e nais, puxeron os pixamas, presentáronse aos demais coa axuda dun nobelo de la e comezaron as actividades nocturnas centradas no libro A pedra e as formigas do escritor e ilustrador Jacobo Fernández Serrano. Jacobo non puido estar con nós na biblioteca, pero deixounos un agasallo: as ilustracións orixinais do libro.


Despois, Rosana e Bea, de Espazo Lectura, fixeron unha adaptación do conto de Jacoco Fernández para teatro de sombras; deseguido, foron os actores de Casahamlet os que representaron para nós A formiga, unha divertida peza treatral baseada nese mesmo libro.


Cando remataron as actividades, máis alá da media noite, tocou meterse nos sacos e ler un chisco antes de durmir e agardar polo novo día.

Grazas ao fotógrafo Manuel G. Vicente polas marabillosas
fotografías que realizou todo o sábado e por cedérnolas para publicar neste blog.


Á mañá seguinte, espertamos con cancións e con ximnasia para afrontar un reto. Os nenos e nenas convertéronse en formigas que tiveron que transportar grandes pedras de maneira colectiva.


Como foron capaces de transportar todas as pedras sen que caesen, recibiron un agasallo: o libro sobre o que xirou toda a programación, A pedra e as formigas, dedicado para cada un dos nenos polo propio Jacobo Fernández Serrano.

Despois almorzamos e agardamos a que chegasen os pais e as nais que, sorpresa!, tamén tiveron que se converter en formigas e demostrar que sabían transportar pedras colectivamente.
Pouco a pouco a biblioteca foise baleirando. O ano que vén volveremos espertar entre libros!

21/6/10

Acendemos "A fogueira dos versos" na noite de San Xoán

O próximo mércores, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura, en Donas, Gondomar, cunha actividade na que xuntaremos poesía, lume e contos: A Fogueira dos Versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contos a cargo do actor Cándido Pazó, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira.

Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas, Gondomar) pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.




Imaxes da Fogueira dos versos, 2009


Cándido Pazó (Vigo, 1960). Autor teatral, guionista de televisión e director de escena con numerosos espectáculos estreados, entre os que destacan: O Merlo Branco (Premio Xeración Nós, 1989), Commedia (Premio Compostela 93 e Premio da Crítica do País Valenciano 94) Nano (Premio María Casares 99) O bululú do linier (Premio María Casares 2000), Ñiqui-Ñaque (Premio Max ao Mellor Texto Galego 2002) ou Binomio de Newton (nomeado para un premio Max 2003). Participa nos máis importantes foros galegos de reflexión e discusión sobre teatro, como a comisión técnica de teatro do Consello da Cultura Galega. Foi parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participar en Bruxelas na Marathon Europea de Creación Teatral. É, ademais, guionista de televisión (A familia Pita, Pratos convinados, Mareas vivas) e dedícase tamén á narración oral, pola que se sente especialmente seducido, participando en numerosos festivais e programacións de Europa e América Latina.

No ano 2008, participou no Club de Lectura Compartida Lendo Contigo de Espazo Lectura, como autor de O merlo branco.

18/6/10

Preparados os sacos e os pixamas: este sábado, durmimos na biblioteca!



Galería de imaxes das dúas edicións anteriores

O vindeiro sábado 19 de xuño Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza a terceira edición da Noite na Biblioteca. Un ano máis, un grupo de 35 nenos e nenas dumirán na Biblioteca Municipal entre palabras, contos e andeis cheos de libros. Pero antes de poñer o pixama haberá unha chea de actividades co libro e a lectura como protagonistas.

O programa, que se pode ver na imaxe que reproducimos máis abaixo, consta de dúas partes:

- A primeira, de asistencia libre e gratuíta, celebrarase no exterior a partir das 19.00 horas e está destinada a nenos e nenas de todas as idades. O punto de encontro será a Praza de Portugal, diante da Biblioteca municipal. Alí, os nenos e nenas atoparanse con dous personaxes moi coñecidos que os van guiar por un vieiro cheo de contos ata regresar de novo ao punto de partida onde poderán gozar coa actuación musical de Almudena Janeiro (ás 20.00 horas) que vai interpretar as cancións de Contos en cantos.

- A segunda parte do programa comeza ás 22.00 horas. Será no interior da biblioteca e asistirán os nenos e nenas que se inscribiron previamente. Logo de cear coas familias, chegará o momento de lavar os dentes e poñer os pixamas para que dea comezo unha noite chea de emocións.
A biblioteca converterase nun escenario de teatro. Primeiro, os nenos e nenas asistirán a un contacontos de sombras. Despois, a compañía de teatro Casahamlet, interpretará a obra A formiga baseada no conto A pedra e as formigas de Jacobo Fernández Serrano. Cando rematen as actividades, meterémonos nos sacos de durmir onde aínda poderemos ler algún libro antes de que se apaguen as luces.

Á mañá seguinte, espertaremos con xogos e cancións e almorzaremos todos xuntos. Será o momento de recoller os sacos de durmir, as zapatillas e os pixamas, reencontrarse coas familias e agardar ata o próximo ano para volver vivir unha noite na biblioteca.


17/6/10

Concha Costas presentará o proxecto de Espazo Lectura na Biblioteca Municipal do Porto

Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, presentará o proxecto desta asociación e o da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Auga da Laxe de Gondomar na Biblioteca Pública Municipal do Porto ante un grupo de profesores e profesoras desta cidade. O acto está previsto para o luns 21 de xuño. Con este acto, estréitanse os vencellos de Espazo Lectura coas bibliotecas desa cidade, dándolle continuidade a dúas visitas anteriores á Biblioteca Almeida Garrett. Durante a primeira, hai dous anos, Concha Costas presentara o proxecto de Espazo Lectura. A segunda, organizada pola nosa Oficina de Formación, realizouse hai un ano e supuxo unha visita dos colaboradores de Espazo Lectura a esta biblioteca do Porto, onde mantivemos un encontro cos seus responsables.

Membros de Espazo Lectura na Biblioteca Almeida Garret coa bibliotecaria Maria Joao Sampaio

O pasado 3 de xuño, Concha Costas tamén presentou o proxecto de Espazo Lectura en León, onde participou nas V Xornadas de Dinamización Cultural organizadas pola editorial Everest.

Concha Costas durante a celebración das xornadas de Everest

16/6/10

O Contomar volve despois do verán

O sábado 5 de xuño o Contomar despediuse ata despois do verán coa compañía Matapiollos e a súa montaxe Flis-fli-ris-flás. As duascentas persoas que asistiron no auditorio Lois Tobío á representación puideron rir coas reflexións de Martiño acerca dos seus medos e axudalo nas súas aventuras polo fondo do mar para vencer ao malo malísimo e salvar a Carmiña e Bartolo. Unha historia sobre como superar os medos que moitos nenos e nenas senten cada noite cando se apaga a luz e teñen que durmir.
A este conto achegámonos a semana anterior na Biblioteca Municipal da man de Araceli Gonda, autora do texto. Ela foi quen despediu a última sesión do Contomar e quen lles entregou o seu agasallo aos nenos e nenas que máis estrelas de asistencia acumularon nos seus carnés ao longo dos oito meses desta tempada: houbo libros e aplusos para unha nena que só faltou dous días (Manuela Villamarín), para os que só faltaron un día (Santiago Cabral, Noa Hermida, Antón Hermida, Ismael Pérez e Daniel Puentes) e para os que non faltaron nin un só luns á nosa cita co Contomar (Anxo Alborés, Claudia Comesaña e Ana Fernández).
Volveremos despois do verán coas nosas mascotas, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, que nos traerán máis contos. Boas vacacións!

Imaxes da sesión do Contomar do 24 maio

15/6/10

Menú-do-conto! Este mércores, como despedida, merendamos na Casa da Lectura

Este mércores 16 de xuño , a partir das 18.30h, despedimos as sesións de dinamización na Casa da Lectura ata despois do verán e farémolo cunha sesión moi saborosa. A Casa da Lectura converterase nun restaurante no que escoitaremos contos e probaremos os pratos cociñados nas diferentes historias. Haberá montadiños de pan e queixo preparados na cociña real do conto A pota que trota, tortilla preparada co ovo de A vaca que puxo un vovo, croquetas de Pito cairo e, de sobremesa, chocolate aos diferentes estilos de Gústame o chocolate e torta con marmelada de amoras de A casa da mosca chosca. Os nenos e nenas serán os clientes deste restaurante especial onde as cociñeiras e camareiras lles van ofrecer unha sesión "deliciosa" co noso Menú do Conto.

Á volta das vacacións de verán volverán os contos á Casa da Lectura, para pasalo tan ben como na sesión da semana pasada. Estas son algunhas imaxes dese día.