11/2/11

Así foi o Lendo Contigo con Xelís de Toro

O sábado 29 de xaneiro a biblioteca de Gondomar converteuse no aeroporto dende o que despegamos rumbo a Londres, a cidade onde está ambientada a novela de Xelís de Toro que centrou o Lendo Contigo deste mes, A máquina contacontos.

Para iso, todos os nenos e nenas que acudiron ao club tiveron que traer, ademais do conto de Xelís lido, os billetes de avión e a tarxeta de transporte londiniense para poder desprazarse pola cidade.

Unha vez que aterramos na capital inglesa, viaxamos en autobús de dúas plantas, vimos o Parlamento de Londres e o Big Ben, subimos ao London Eye, unha das noras máis altas do mundo, paseamos por Hyde Park e na Speaker's Corner presenciamos un orador dando un discurso disparatado.

Despois de visitar outros famosos lugares de Londres, collimos o metro cara a Walthamstow Market, o mercado máis grande de Europa, onde transcorre a historia de A máquina contacontos.

Alí tivemos a gran sorte de poder falar con Xelís de Toro, que nos atendeu dende a súa casa de Brighton. Os nenos e nenas fixéronlle preguntas sobre a novela, a súa faceta de escritor e sobre a súa vida en Inglaterra. E Xelís contounos moitas curiosidades, algunha delas relacionadas coa súa vida en Santiago, como que era cantante do grupo Os Quinindiolas, aos que podedes escoitar aquí.

Logo de despedirnos de Xelís, sorteamos o libro do mes que vén, Cama e conto, de Gonzalo Moure, que lle tocou a Nicolás, un dos rapaces que respondeu correctamente todas as superpreguntas que se fixeron este mes na guía de lectura.

Antes de marchar, os nenos e nenas estrearon o pasaporte lector do ano 2011.

E Elena entregounos un debuxo que fixo a raíz da lectura do conto de Xelís de Toro.

No hay comentarios: