27/6/11

Así foi a IV Noite na Biblioteca

Entre o sábado 18 e o domingo 19 de xuño Espazo Lectura organizou, por cuarto ano, a Noite na Biblioteca, unha actividade na cal uns 40 nenos e nenas, que acudiron regularmente ás actividades de fomento da lectura da asociación, puideron gozar dunha fin de semana entre libros.

A primeira parte do programa comezou arredor das 19.00 horas co roteiro literario "A volta a Gondomar en 150 minutos", aberto a todos os públicos. Os nenos, nenas e as súas familias iniciaron unha viaxe na procura de contos dos diferentes continentes: Isto é París (Europa), A cebra Camila (África), O sultán e os ratos (Asia). O percorrido finalizou en América, coa representación da obra de teatro Que bonito é panamá!, baseada no conto homónimo, a cargo da compañía Panamesiana Teatro.

A segunda parte do programa transcorreu dentro da biblioteca, convertida no Hotel dos Soños no que os 40 nenos e nenas inscritos na actividade quedaron a durmir. Na primeira parte da noite, a compañía A tropa de trapo contou contos a partir de palabras gardadas nunha maleta e fixo un obradoiro sobre as posibilidades de ensoñación que teñen os libros e sobre a narración oral de historias.
Tras o obradoiro, subimos ao segundo andar da biblioteca para establecer unha conexión por videoconferencia co asteroide B612. O mesmísimo Principiño contactou con nós e, logo de nos dicir que se sentía só, prometeu aparecer pola mañá na biblioteca para espertar os nenos e nenas. E así foi.
A primeira hora da mañá, antes de almorzar, foi o propio Principiño quen propuxo un xogo baseado na viaxe que realizara esa noite. Os nenos e nenas avanzaron de planeta en planeta a medida que contestaban, axudados dun atlas e por equipos, diferentes preguntas sobre xeografía. As preguntas viñan agochadas en distintas edicións moi especiais da obra de Saint-Exupéry.
Logo de almorzar, os nenos e nenas encontráronse coas súas familias e levaron un exemplar d'O principiño de agasallo para non esquecer as marabillosa viaxe que supuxo a IV Noite na Biblioteca.
Deseguido podedes ver todas as fotos dese día.

25/6/11

Catalogación dos fondos da Casa da Lectura

Nestas últimas semanas, Xoán Cruz, socio e membro do Consello Operativo de Espazo Lectura, estivo realizando o labor de catalogación dos fondos bibliográficos da Casa da Lectura, que se poden consultar xa aquí, a través do portal do Proxecto Meiga. Este traballo de catalogación, que chegou xa aos 1.000 rexistros, facilitará a consulta dos fondos e a xestión do préstamo e mellorará o aproveitamento destes recursos no desenvolvemento das distintas actividades da asociación: contacontos, clubs de lectura, sesións de dinamización, etc. A biblioteca da Casa da Lectura, que se está formando fundamentalmente cos fondos que nos envían as editoriais que son socias protectoras de Espazo Lectura, volverá a estar a disposición dos usuarios e usuarias despois do verán.

22/6/11

Na noite de san Xoán reunímonos arredor da Fogueira dos Versos

O próximo xoves, 23 de xuño, Espazo Lectura organiza un ano máis A Fogueira dos Versos, unha velada festiva con música, poesía e contos para celebrar a noite de San Xoán. A cacharela literaria, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, acenderase na Casa da Lectura, en Donas, Gondomar a partir das 22:00h.
Na primeira parte da noite acenderemos o lume, soará música e compartiremos chourizos asados e outros petiscos achegados polas persoas que participen. Despois reunirémonos arredor do lume para recitar poemas que logo se botarán ás lapas, con participación infantil. Como despedida, escoitaremos narracións orais para todos os públicos a cargo do actor Avelino González.

Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas, Gondomar) pretende ser participativa e está aberta a todas as persoas que desexen achegarse.

19/6/11

O Lecturas Debuxadas despide a tempada cunha novela gráfica sen palabras

O martes 21 de xuño celébrase a última sesión da tempada do club de banda deseñada Lecturas Debuxadas. A cita será na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20.00 horas.
Nesta ocasión a lectura que centrará a sesión é Emigrantes (Barbara Fiore Editora) do autor e ilustrador australiano Shaun Tan, recoñecido este ano co prestixioso Premio Astrid Lindgren 2011.
A programación do club Lecturas Debuxadas retomarase no mes de outubro.

Un libro ilustrado sen palabras

Emigrantes é un libro ilustrado sen palabras, unha novela gráfica silenciosa. A través dunha serie de imaxes conectadas, conta a historia dun emigrante anónimo que deixa o seu país natal en penosas circunstancias, cruza un océano ata unha nova cidade e aprende como vivir nela.

O autor
Sahun Tan é autor e ilustrador de “La cosa perdida” e “El árbol rojo”, ambos galardonados con numerosos premios internacionais e cunha mención de honra no premio Bologna Ragazzi. En 2001, Shaun recibiu o World Fantasy Best Artist Award polo conxunto da súa obra e en 2011 recibiu o Astrid Lindgren Award, coñecido como o Nobel de Literatura Infantil e Xuvenil.

Estas imaxes son da anterior sesión do Lecturas Debuxadas, centrado na lectura de Asterios Polyp.

16/6/11

A IV Noite na Biblioteca xa está aquí

O vindeiro sábado 18 de xuño Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, dará comezo á cuarta edición da Noite na Biblioteca. Este ano, para posibilitar que todos os nenos e nenas que participan habitualmente nas actividades estables de Espazo Lectura puidesen gozar desta actividade, fixemos un esforzo para ampliar a oferta de prazas e serán 40 os cativos e cativas que durman na Biblioteca Municipal entre palabras, contos e andeis cheos de libros. Pero antes de poñer o pixama haberá unha chea de actividades co libro e a lectura como protagonistas.

O PROGRAMA, que ten como fío condutor as viaxes, consta de dúas partes:
  • A primeira, titulada A volta a Gondomar en 150 minutos, de asistencia libre e gratuíta, celebrarase no exterior a partir das 19:00 horas para nenos e nenas de todas as idades. O punto de encontro será a Praza de Portugal, diante da Biblioteca Municipal. Alí, os nenos e nenas comezarán unha viaxe por diferentes prazas de Gondomar na procura de contos e historias doutras culturas. En concreto, as historias que atoparán son Isto é París (El Patito Editorial), A cebra Camila (Kalandraka) e O sultán e os ratos (Oqo). O acto central desta primeira parte será a representación de Que bonito é panamá! por parte da compañía Panamesiana Teatro, no parque da Coelleira a partir das 20:20 horas.
  • A segunda parte do programa comezará ás 22:00 horas. Será no interior da biblioteca e asistirán os nenos e nenas que se inscribiron previamente. Logo de cear coas familias, chegará o momento de lavar os dentes e poñer os pixamas para que dea comezo unha noite chea de emocións. Para continuar coa viaxe, a biblioteca converterase nun hotel, o Hotel dos Soños. Primeiro, os nenos e nenas asistirán ao espectáculo A viaxe das palabras a cargo da compañía A Tropa de Trapo (sesión de contacontos e obradoiro). Despois, manterán unha videoconferencia co asteroide B-612, xa que O principiño será o libro protagonista da noite.
Na mañá do domingo 19 espertaremos con xogos e cancións e almorzaremos todos xuntos. Será o momento de recoller os sacos de durmir, as zapatillas e os pixamas, reencontrarse coas familias e agardar ata o próximo ano para volver vivir unha noite na biblioteca.

Picando aquí pódese ler unha crónica da edición celebrada o ano pasado.

14/6/11

Contos e xogos de auga na Casa da Lectura para despedir as sesións de dinamización lectora ata despois do verán

Este mércores 15 de xuño, a partir das 18.30h, despedimos ata despois do verán as sesións de dinamización de todas as semanas na Casa da Lectura e farémolo cunha sesión moi refrescante. A Casa da Lectura inundarase de contos relacionados coa auga (como Cantas pingas na cidade, O home de auga ou A vella Lulula) e despois haberá seis recantos diferentes onde xogaremos a diversos xogos acuáticos.

Á volta das vacacións de verán volverán os contos á Casa da Lectura, para pasalo tan ben como na sesión da semana pasada dedicada aos xogos tradicionais. Estas son algunhas imaxes dese día tomadas polo fotógrafo Manuel G. Vicente.